Sunday 05 de May de 2024

A Xunta inviste 792.000 euros en obras de mellora enerxética en tres edificios de vivendas protexidas no concello de Santiago


Os traballos, que contan co financiamento do Feder, servirán para acometer o illamento térmico dun total de 116 vivendas en tres barrios diferentes da cidade

A Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), está a executar diversos traballos de reparación e mellora en vivendas protexidas situadas en Santiago de Compostela, En concreto, investimento, de máis de 792.000 euros, afectan a 116 vivendas dos barrios das Cancelas-Mañou, Belvís e Pontepereda. O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe os edificios nos que se están a executar os traballos e compartiu impresións cos veciños que se beneficiarán desta actuación. As obras contan co financiamento ao 80% do Fondo Europeo de Desenrolo Rexional (Feder) no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

A primeira das actuacións estase a executar no edificio da rúa Salgueiriños de abaixo, 15-A e 15-B, e consiste no illamento térmico polo exterior, mediante paneis illantes nun total de 21 vivendas. A finalidade da citada obra é resolver os problemas de humidade en vivendas e trasteiros, problemas por capilaridade no zócalo da edificación e rotura de vidros da carpintería exterior por mala colocación. Teñen un prazo de execución de catro meses e os traballos foron adxudicados por preto de 149.000 euros.

No caso do edificio de vivendas protexidas situado no Sunp-9 de Belvís, as obras consisten, así mesmo, no Illamento térmico polo exterior, nun grupo de cinco bloques para un total de 70 vivendas no Camiño da Ameixaga. Neste caso tamén apreciáronse danos na pintura interior das galerías do salón e o levantamento do pavimento na zona próxima á galería, probablemente causado polo fallo no selado do verteaugas da carpintería, que ademais non tiñan ocos de saída. O prazo de execución é de 12 meses e contan cun orzamento de 466.000 euros.

Por último, estase tamén a traballar nun edificio de vivendas protexidas situado na rúa Letras Galegas, nº 8, así mesmo mediante o illamento térmico polo exterior, mediante paneis. Neste caso, os danos veñen dados polo alto grao de humidade do morteiro monocapa da fachada. No revestimento exterior, debido ás condicións ás que está exposto, non se produce o necesario secado entre dúas choivas, o que ocasiona que non cumpra a súa función impermeabilizante e que transmita, polo tanto, humidade ao soporto de fábrica de ladrillo. Esta humidade transmítese ás vivendas. Ten un prazo de execución de catro meses e un orzamento de preto de 177.000 euros.

Ovidio Rodeiro comprobou a evolución dos traballos e conversou cos veciños sobre os detalles das obras. Sinalou que esta iniciativa demostra “o firme compromiso do Goberno galego ca cidade de Santiago e a decidida aposta por recuperar e rehabilitar as Vivendas de Promoción Pública no municipio e en toda Galicia”. O delegado territorial animou aos veciños a “aproveitar todas as liñas de axudas que a Xunta pon a disposición dos veciños”, e lembrou que sigue “enriba da mesa a man tendida aos concellos que aínda non se adheriron ao Programa de Vivendas Baleiras impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda.